A comunidade educativa da Escola de Verducido oponse ó peche dos cursos de Primaria

PONTEVEDRA> A comunidade educativa da escola de Verducido estase a mobilizar ante a ameaza da eliminación de 1º e 2º de primaria, que ven como un primeiro paso para o peche do centro. Reclaman que se devolva á escola o persoal de reforzo, co que contou incluso durante a crise económica.

37 nenos e nenas atendidos por 3 profesoras que, ademais, se teñen que facer cargo do resto das tarefas asociadas ó funcionamento do centro, é a situación que nos atopamos na Escola de Educación Infantil de Verducido. O aumento das matrículas e a redución do persoal de reforzo provocan unha sobrecarga de traballo e imposibilitan unha atención adecuada á diversidade do alumnado.

Por este motivo, a comunidade educativa solicitou unha reunión ca inspección de educación para pedir reforzos no profesorado. A resposta foi que a solución sería a eliminación dos cursos de primaria.

A eliminación dos cursos de primaria suporía unha baixada das matrículas, polo que dende a ANPA o interpretan como un primeiro paso para o peche do centro.

A comunidade de Verducido non está disposta a perder un centro que se ten convertido en referente educativo na contorna. O proxecto educativo do centro e o seu entorno favorecen o desenvolvemento integral dos nenos e nenas. Unha horta ecolóxica, elaboración de pan e iogur, asembleas de alumnos, mediación de conflitos, ou a realización de actividades con toda a comunidade fan deste un centro de ensino especial.

A comunidade educativa pide á Consellería que non elimine a primaria do centro. Pola súa banda, farán todo o que estea na súa man para evitar o peche da escola ou de calquera dos seus cursos.