PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra presentou esta mañá as bases que van regular o proceso de contratación da nova dirección do Museo de Pontevedra. O goberno provincial é ambiciosa co proxecto para a institución, para a que buscan unha persoa de gran solvencia e con experiencia contrastada.
O deputado provincial de Cultura presentou esta mañá as bases para a selección da persoa que dirixirá o Museo de Pontevedra. Publicaranse mañá no Boletín Oficial da Provincia e a partir de entón os candidatos contarán con 30 días hábiles para presentar as solicitudes. Ademais da documentación requirida, os aspirantes ao posto deberán presentan unha memoria co modelo que queren para o Museo en base a cuestións como a compoñente de xénero ou a musealización dos edificios pechados.
Os candidatos deberán ser funcionarios ou persoal laboral fixo, do grupo A1, e ter unha licenciatura ou grado en disciplinas coma historia da arte, Belas Artes ou Humanidades. Ademais, a Deputación esixe que os aspirantes teñan experiencia previa nalgún posto similar.
Por outra banda, este venres incorporarase unha persoa á xefatura administrativa, para que a nova dirección do museo se centre na parte artística.
Mosquera asegurou que este é un proxecto “ambicioso” e mostrouse convencido de que haberá moitas propostas polas grandes posibilidades do museo.
A Deputación espera que para o mes de abril o museo xa conte cunha nova dirección. Iso si, aínda que este é un proxecto a longo prazo, este posto poderá ser cesado en calquera momento se non se cumpren os obxectivos que marque tanto a memoria presentada polo candidato coma a propia institución provincial.