Balance positivo da acollida da campaña “Fame de experiencias” en Fitur

PONTEVEDRA> A presidenta da Deputación de Pontevedra fixo esta mañá balance da campaña de promoción turística da provincia presentada en Fitur. Carmela Silva mostrouse moi satisfeita co traballo e cos resultados acadados e asegurou que o proxecto “Fame de experiencias” comeza unha nova andadura galega, estatal e internacional.

“Éxito absoluto”, así valorou está mañá Carmela Silva os resultados acadados pola Deputación de Pontevedra na presentación en Fitur da campaña de promoción turística, “Fame de experiencias”, unha campaña centrada na calidade e variedade da enogastronomía da provincia. Segundo a presidenta, o stand galego estivo ateigado de público e foi a exposición que máis persoas concentrou de todos os realizados na Feira de Madrid.

Os representantes da Deputación tamén apoiaron en Fitur unha serie de eventos, como a Rapa das Bestas de Sabucedo, e a colectivos como a Mancomunidade do Salnés. Ademais, Silva enxalzou o acto de entrega das Q de Calidade Turística e recordou que Pontevedra está por riba do 40% dos recoñecementos de Galicia.

Tamén destacou a transcendencia da campaña nas redes sociais, xa que a presentación de “Fame de experiencias”, foi unha das retransmisións en directo máis seguidas na historia da Deputación.

Tras o balance, Silva asegurou que a Deputación xa comeza a preparar a edición de Fitur 2020 para seguir sumando éxitos e seguir superando as expectativas.