O PSOE critica o ‘punto morado’ das Festas da Peregrina: ‘Non cumpre a privacidade para unha vítima de agresión’

PONTEVEDRA> O Partido Socialista de Pontevedra critica os puntos violetas instalados polo concello durante as Festas da Peregrina. A formación pediu por rexistro información sobre o servizo ofrecido, xa que consideran que foi froito dunha improvisación do goberno local que non cumpría coa función que deben ter estes espazos. Hoxe a concelleira Paloma Castro acusou ao BNG de frivolizar e racanear na protección das mulleres.

O Partido Socialista de Pontevedra quere coñecer os detalles da contratación do Punto Violeta que o concello instalou durante as Festas da Peregrina.

A formación considera que a función que cumpriu o punto foi de concienciación pero non de asesoramento, que era o obxectivo inicial destas caravanas durante o mandato anterior.

Tamén descoñecen se o persoal que o atendía tiña formación específica. Castro recordou que no anterior mandato ocupábanse das Caravanas Moradas especialistas en psicoloxía, asesoría xurídica, axentes de igualdade ou traballo social.

Castro reclamou que se instalen Puntos Morados nas vindeiras citas multitudinarias da cidade, como son o Río Verbena, a Feira Franca e a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon.

A edil socialista anunciou ademais que o PSOE presentará unha moción no pleno pedindo a aprobación dun protocolo de actuación ante as agresións e os acosos sexuais en espazos privados de ocio nocturno.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí