A Deputación cede unha parcela ao Grove para construír un centro social en Reboredo

O GROVE> A Deputación de Pontevedra e o concello do Grove asinan un convenio para a cesión dunha parcela que se destinará a construción dun centro social para persoas maiores. Carmela Silva destacou que é un convenio que recolle unha demanda e unha necesidade social da vila.
Carmela Silva, asinou esta mañá co alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, un convenio polo cal lle cede un terreo de 162 metros cadrados, no lugar de Reboredo, para que a vila poida construír un centro social para as persoas maiores do municipio.
A cesión prodúcese despois de que o Pleno da Deputación de Pontevedra, do día 30 de novembro, aprobara inicialmente a desafectación do servizo público do terreo e a cesión gratuíta ao concello do Grove para destinala á construción do centro social. O acto de sinatura chega unha vez rematado o prazo de exposición pública, que finalizou sen alegacións nin reclamacións.
A presidenta aproveitou para sinalar que o Auditorio do Grove será unha realidade, ao que o alcalde se mostrou confiado en que a pesar das trabas que está a sufrir esta futura edificación, rematará por converterse nunha das máis relevantes da provincia.