Marea Pontevedra reivindica o uso sanitario do Hospital Provincial

PONTEVEDRA >  Marea Pontevedra acusou esta mañá a Xunta de Galicia de impulsar a concentración de asistencia hospitalaria no centro da cidade en mans dun grupo da sanidade privada. Ademais, a agrupación política mostrouse en desacordo con que o Hospital Provincial se converta, cando remate o proxecto do Gran Montecelo, nunha residencia de maiores.

Unha pancarta co lema “O Hospital non se vende” foi colgada esta mañá na entrada do Provincial. Con esta acción, Marea Pontevedra, con Luis Rey, Mariquiña Lores e Teresa Casal ao mando, acusou á Xunta de Galicia de poñer a sanidade do centro da cidade en mans privadas. Tamén reivindicou o uso sanitario das instalacións do centro hospitalario cando remate o proxecto do Gran Montecelo.

Marea Pontevedra asegura que esta nova rede de residencias non vai a ser pública porque é unha iniciativa que conta cun orzamento privado.

O portavoz de Marea asegurou que cando remate o proxecto de Montecelo, só haberá 60 camas máis que as que actualmente suman os dous hospitais públicos. Por iso, a agrupación política  non están de acordo con que o Provincial se converta nunha residencia de maiores e consideran que esa labor debería ser adxudicada ao antigo asilo de anciáns.

En canto a pancarta, cabe destacar que Marea Pontevedra carecía de autorización para a instalación do tear na entrada do Provincial, pero que esta foi retirada tras acabar o acto.