Ada Otero, a primeira candidata transexual nunhas eleccións municipais

PONTEVEDRA> A activista LGTB Ada Otero formará parte da candidatura do PsdeG-PSOE nas próximas eleccións municipais en Pontevedra. Ada converténdose así na primeira persoa transexual en toda Galicia que integra unha lista electoral. A pontevedresa entra en política co obxectivo de dar visibilidade a un colectivo discriminado pola sociedade.

Ada Otero Huertas será a primeira persoa transexual en toda Galicia que forme parte dunha candidatura nas próximas eleccións municipais de maio. O fará como independente na lista do Partido Socialista que lidera Tino Fernández. A activista deu o paso de entrar en política para dar visibilidade ao colectivo LGTBI.

A decisión de formar parte no mundo da política nace do seu desexo de que a sociedade tome conciencia sobre a situación do colectivo e se produzan cambios a nivel xurídico e administrativo.

Ada Otero quere deixar claro que o Partido Socialista decidiu contar con ela para as próximas eleccións municipais, non só porque sexa unha persoa transexual, senón tamén por toda a traxectoria profesional que a abala. Esta pontevedresa de 29 anos está especializada en asuntos contra a violencia de xénero e é unha muller comprometida coa loita dos dereitos do colectivo LGTBI.

Unha muller que con este paso se converte, sen dúbida, nun referente no mundo transexual.

Aínda que o PSOE non decidirá até o vindeiro xoves a lista definitiva coa que concurre ás eleccións do 26 de maio, está confirmado que Ada Otero irá nos postos de saída.