O BNG aposta porque Rianxo vaia a máis

RIANXO> Os nacionalistas presentaban este sábado a súa candidatura ás municipais de maio. Unha candidatura que volverá a estar encabezada polo actual alcalde, Adolfo Muíños. A lista presenta poucas novidades con respecto á presentada en 2015 xa que repiten a totalidade dos edís actuais.

A pé de rúa, a carón da casa de Manuel Antonio, na rúa de Abaixo. Este foi o escenario elixido polo BNG de Rianxo para levar a cabo a súa presentación de cara as municipais de maio. O acto estivo conducido por Xurxo Souto, cantante dos Diplomáticos, e contou tamén coa actuación da Banda da Trastenda, encargada de poñer a nota musical. Ademais de dar a coñecer a tódolos integrantes da candidatura, na que repiten a totalidade dos actuais edís na corporación, a presentación serviu tamén para que o candidato por esta formación á alcaldía, que aspira a reelección, Adolfo Muíños, esbozara parte do seu programa de goberno co que agarda poder dar continuidade ó traballo desenvolvido durante estes anos cunha aposta clara pola mellora dos servizos básicos como é o saneamento e o abastecemento de auga a tódolos núcleos do municipio ou por unha educación e uns servizos sociais públicos e de calidade.

Despois de presentar un a un a tódolos integrantes da candidatura, o acto rematou coa interpretación, todos xuntos acompañados da Banda da Trastenda, do tema ‘Tempestades de sal’, de Sés.