O ascenso do Poio pasa por impoñerse ó Leis no derbi

POIO> Estamos a 48 horas dun dos partidos máis importantes na historia do Poio Futbol Sala. As de Morenín enfróntanse ó Leis Pontevedra nun derbi que promete ser vibrante entre dous dos mellores equipos da División de Prata.

Leis Pontevedra e Poio Futbol Sala disputan este sábado o derbi máis emocionante dos últimos anos. A falta de dúas xornadas para o remate da liga no Grupo IV da División de Prata Nacional, as locais estanse a xogar a terceira posición da clasificación mentres que as de Morenín teñen a tiro nada menos que o título e o playoff de ascenso.

Despois da victoria por 1-7 a semana pasada no encontro adiado ante o Malpartida, o Poio é o novo líder do grupo con 50 puntos, os mesmos que suma o Majadahonda. Precisamente serán os dous mellores equipos da liga os que se enfronten no derradeiro encontro de liga, a semana que ven na Seca. Será un auténtico partido polo título pero co Poio coa afección do seu lado.

Pero no cadro vermello saben que ese encontro so cobra sentido de gañar este sábado no derbi. O Leis decidíu cambiar de pista para este choque que finalmente terá lugar no pavillón do Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, a partires das 18:00.

Morenín traballou con especial intensidade esta semana as accións de estratexia, tanto en ataque como en defensa, sabedor de que este tipo de encontros decídense nos pequenos detalles. O técnico recupera a tódalas súas xogadoras para o partido.

Redacción Salnés