Vilagarcía soará a música clásica cos catorce concertos do ‘Clasclás’

VILAGARCÍA> O Festival de Música Clásica Clasclásde Vilagarcía terá segunda edición. Entre o 27 de xuño e o 6 de xullo a cita converterá á capital arousá nun punto de referencia no mundo da música clásica. O programa inclúe 10 concertos gratuítos e catro de pago, que levarán ata a vila decenas de recoñecidos intérpretes a nivel internacional.

A música clásica volverá resoar polos rincóns de Vilagarcía. O concello repite a súa aposta polo Clasclás, o festival que naceu o ano pasado e que entre o 27 de xuño e o 6 de xullo terá segunda edición.

O programa está formado por 14 concertos. Catro celebraranse nos Pazos de Rubiáns e da Golpelleira, e serán de pago. Os dez restantes serán de carácter gratuíto, e catro estarán dirixidos a colectivos sociais específicos.

Este ano tamén terán especial peso os músicos máis novos, moitos deles de recoñecido prestixio internacional. Ademais do aumento de días de festival, outra das novidades desta edición chegará xa na gala de apertura, coa actuación o 27 de xuño da Orquestra Sinfónica de Galicia.

As entradas para os concertos do Pazo de Rubiáns e da Golpelleira sairán mañá á venda. Poden atoparse na web de ticketea.com a un prezo de 14 euros máis gastos de xestión. No resto, a entrada será libre ata completar aforo.

Comments are closed.