O PP aposta por crear o ‘Hub Vilagarcía’ para apoiar os emprendedores

VILAGARCÍA> O Partido Popular de Vilagarcía opta pola ampliación do centro de saúde de San Roque. Segundo o candidato á alcaldía Alfonso Gallego, o traslado do cuartel da Garda Civil á parcela de Fontecarmoa permitiría aproveitar o actual solar para ampliar o ambulatorio. Os populares teñen outros plans para a Comandancia da Mariña: convertela no Gran Centro da Innovación Tecnolóxica.

Ampliar o actual centro de saúde de San Roque cara a parcela que ocupa o cuartel da Garda Civil é a opción preferida do Partido Popular de Vilagarcía para mellorar as instalacións da atención primaria. Pero para isto, é fundamental trasladar o cuartel ata Fontecarmoa.

Esta é a opción A, pero a formación asegura que xa localizaron outros dous terreos que contan con visto bo da Consellería de Sanidade para acoller o equipamento. O que teñen claro é que este non é un uso que deba ter a Comandancia da Mariña. De feito, apostan por converter o inmoble no Gran Centro da Innovación Tecnolóxica de Vilagarcía.

Nesta aposta polo emprego e o emprendemento, Alfonso Gallego leva no seu programa a implantación do Hub Vilagarcía. Trátase duha iniciativa que actuará como un servizo de orientación e resolución de problemas para as novas empresas.

Outra das apostas dos populares é a subvención de ata o 50% do recibo de aluguer dos baixos comerciais aos emprendedores durante o primeiro ano de actividade en Vilagarcía. Todo dirixido a crear emprego e a fixar poboación na vila.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí