A Deputación busca converter a Pontevedra nunha provincia sostible

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra puxo en marcha esta mañá a campaña de sensibilización “Experiencias Sostibles”. Con esta iniciativa, a institución provincial pretende concienciar a cidadanía da contaminación polo uso dos plásticos e converterse así nunha administración sostible e comprometida co medio ambiente.

“Experiencias sostibles” esa é a campaña que a Deputación de Pontevedra pon en marcha co obxectivo de reforzar o seu compromiso coa redución do uso de plásticos. Para conseguilo, a institución provincial levará a cabo 20 accións en diferentes escenarios.

Nestes espazos, a Deputación dará información sobre os riscos para a saúde dos diferentes plásticos que forman parte da nosa vida diaria.

A presidenta da Deputación destacou o traballo que se está realizando na institución provincial para concienciar a toda a cidadanía no coidado do medio ambiente. Carmela Silva recordou tamén que entre o 80 e o 85% dos residuos mariños atopados nas augas europeas son plásticos e que por iso é tan importante que as administracións traballen conxuntamente para garantir espazos máis saudables.