O 14 de xuño “Xoga coas manciñas”

Pontevedra> A Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia, XOGA, presentou en Pontevedra os actos do Día Nacional da Lingua de Signos. Unha xornada que se conmemora o 14 de xuño. Ente os actos que organizan destaca a primeira edición do Concurso Provincial “Xoga coas Manciñas” para os alumnos de Educación Infantil.

O vindeiro 14 de xuño celébrase, por quinto ano consecutivo, o Día Nacional das Linguas de Signos, e con motivo desta celebración, dende Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia, XOGA, teñen previsto organizar unha serie de actos de sensibilización, para visibilizar e normalizar con sinxelas inciativas o uso da lingua de signos entre os escolares e os cidadáns de toda a provincia de Pontevedra.

Como novidade nesta quinta edición convocan, dende XOGA, e por primeira vez, o concurso “Xoga coas manciñas” para todo o alumnado da provincia dous dous ciclos de Educación Infantil. Trátase dun certame no que os participantes deberán gravar previamente un vídeo dun conto ou canción dun autor galego en lingua de signos.

O fallo deste concurso darase a coñecer o 8 de xuño ás 10 da mañá na Sala Valdecorvos da Casa Azul e os premios serán entregados o día 14. Para esa xornada hai organizadas diversas actividades, a colocación dunha pancarta conmemorativa no balcón e iluminación en azul turquesa do edificio do Concello da Praza de España, a iluminación do Pazo Provincial, a entrega dos premios na Deputación e un contacontos e xogos en Lingua de Signos para pequenos de 0 a 6 anos a partir das 19:30 na Praza da Peregrina