SANXENXO> Os veciños que reclaman a rexeneración da Carabuxeira, en Sanxenxo, anuncian novas medidas de presión. Van pedir reunións coa Valedora do Pobo, co Fiscal de Medio Ambiente e tamén coa nova presidenta de Portos de Galicia. A idea dos veciños e denunciar a situación na que se atopa o areal e os efectos que está tendo nas súas vivendas.
Os veciños da Carabuxeira seguen presionando para que a rexeneración da praia non se demore aínda máis. Despois de varias mobilizacións, agora van solicitar reunións coa Valedora do Pobo e tamén co Fiscal de Medio Ambiente. Fano para analiza-los avances das denuncias presentadas en ambos organismos. Tamén pedirán unha xuntanza coa nova presidenta de Portos de Galicia.
Os veciños da zona entenden que a rexeneración da praia poría couto ós problemas medio ambientais que están danando a contorna.
Tamén din que cunha actuación na praia, tamén se resolverían os problemas que están sufrindo as súas casas.
Coa administración paralizada neste mes por mor das vacacións, o colectivo veciñal vai solicitar eses tres encontros para o vindeiro mes de setembro. Entre tanto, valoran novas mobilizacións reivindicando solucións.
Con todo, prefiren agardar á celebración desas xuntanzas para concretar o novo calendario de protestas.