VILAGARCÍA> O comercio de Vilagarcía encara a recta final da campaña de verán satisfeito co volume de vendas. Dende Zona Aberta salientan a gran cantidade de turistas que se está a achegar durante o mes de agosto ata a cidade, algo que, segundo din, anima os establecementos.
Aínda que con este tempo non o pareza, o verán ten xa os días contados. Para os comercios de Vilagarcía esta campaña está a resultar moi boa. Zona Aberta fala dun espléndido mes de agosto, no que o aluvión de turistas contribuíu ao incremento das vendas. Recoñecen que é unha das mellores campañas estivais dos últimos anos.
Outro incentivo para as vendas foi o Expoferta, unha feira de oportunidades celebrada hai dúas semans, impulsada por Zona Aberta e que vai xa pola súa décimo-terceira edición.
E agora, coa vista posta xa no outono, dende o colectivo de comerciantes vilagarciáns agardan que o tempo acompañe e que o frío e a chuvia sexan os que manden, non como ocorreu o ano pasado.
O tempo atípico do outono pasado implicou que o pico forte de vendas se acabase retrasando ata o mes de decembro.