VILAGARCIA> O amor chega a Vilagarcía da man de Zona Aberta. O colectivo de comerciantes e hostaleiros da cidade pon en marcha a súa campaña de San Valentín. Co apoio do concello, van instalar o propio día 14 de febreiro un photocall na praza de Galicia para que os namorados poidan sacar fotos. Ademais, sortearán unha cea para dúas persoas entre as persoas que fagan as súas compras nos establecementos asociados.
Baixo o lema ‘Quérete moito’, Zona Aberta de Vilagarcía impulsa a súa campaña de San Valentín. O colectivo busca con esta iniciativa animar as vendas no comercio e hostalería de Vilagarcía coincidindo co Día dos Namorados. Para a ocasión, a entidade vai instalar un photocall na praza de Galicia o propio día 14 para que os namorados saquen as súas fotografías.
Para poder levar de recordo esa foto chea de amor, chegará con presentar un ticket de compra. Ademais, por mercar nos establecementos comerciais e hostaleiros asociados, a clientela entrará no sorteo dunha cea para dúas persoas.
O concello de Vilagarcía colabora con esta campaña. De feito, o encargado de darlle forma ao photocall será o departamento de Parques e Xardíns.











