A XXIII Carreira Nocturna de Noia agarda xa por máis de 700 corredores

NOIA> Este próximo sábado 31 de agosto disputarase a 23 edición da Carreira Nocturna de Noia. Na proba, organizada polo Concello, en colaboración co Club Atletismo Noia, prevese unha participación de máis de 700 corredores. A carreira servirá ademais de homenaxe a Manolo Paz, atleta local de 86 anos que vén de proclamarse Campión de España Máster nas probas de 200 e 400 metros libres.

Esta mañá presentábase no Concello, a XXIII edición da Carreira Nocturna Pedestre Popular Concello de Noia. A proba de 8 km de percorrido forma parte do VII Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña. O inicio da carreira absoluta está fixado para as dez da noite dende a alameda, antes terán lugar as probas das categorías inferiores.

As inscricións está abertas ata o próximo xoves a través da web de emesports. Dende a organización agardan unha participación duns setecentos atletas sumando tódalas categorías en competición.

O Concello aproveitará tamén a carreira deste ano para renderlle unha homenaxe a Manolo Paz, un veciño da localidade, que ós seus 86 anos vén de gañar as probas dos 200 e 400 metros no Campionato de España Máster, celebrado en Sagunto.