Arrinca a campaña marisqueira de Noia despois de case un ano de paro da actividade

NOIA> Uns 1400 mariscadores volveron esta mañá ó traballo na ría de Muros e Noia despois de preto dun ano sen actividade debido ó peche forzoso pola mortaldade de marisco a consecuencia dos temporais.

Os máis madrugadores os de a flote, que ó redor das once e media, xa comezaban a chegar ó peirao de Testal para facer as súas descargas na lonxa.

Neste primeiro día de traballo os cupos fixados polo pósito para o berberecho colléronse con bastante facilidade. Máis problemas para ameixa, con topes máis pequenos tamén.

Así as cousas a incerteza era o reinaba esta mañá na lonxa noiesa e poucos os que se apresuraban a presaxiar como ía ser a campaña.

Todos coincidían á hora de sinalar que dependerá da subhasta, e o prezo que acade pola tarde o marisco na rula.