A Deputación da Coruña pon en valor o labor das entidades sociais na atención á saúde mental

RIBEIRA> Visibilizar a importancia da saúde mental e rachar cos estigmas aínda presentes na sociedade. Este é o obxectivo principal do Día Mundial da Saúde Mental que se conmemora hoxe. O concello de Ribeira celebrou esta mañá un coloquio, organizado pola asociación A Creba, coa intervención de distintos expertos na materia dende o punto de vista sanitario e social.

Aínda que se ten avanzado moito nos últimos anos, aínda persiste na sociedade un estigma en torno ós trastornos mentais. Co fin de rachar con estas ideas preconcebidas e dar visibilidade á  importancia da saúde mental, o concello de Ribeira celebrou unha mesa redonda coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental.

O coloquio estivo organizado pola asociación Pro Saúde Mental a Creba que leva traballando dende os anos 90 para dar cobertura ás persoas afectadas por algún problema de saúde mental e ás súas familias.

A xornada contou coa intervención do xefe do servizo de Psiquiatría do CHUS, Mario Páramo, a psiquiatra do hospital do Barbanza, Carmen Armas, e a traballadora social do centro de saúde de Ribeira, Isabel Fernández. Tamén estivo presente a deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García, que volve ratificar a aposta da administración provincial pola atención sociosanitaria ós distintos colectivos.

Non se trata unicamente de apoios puntuais coa súa presenza neste tipo de actos senón que a Deputación promove diversas liñas de axudas ás entidades que traballan en favor da saúde mental e impulsa  durante todo o ano políticas de sensibilización e integración.

Tamén dende o concello teñen en marcha diversos programas para o coidado da saúde mental, especialmente entre a mocidade, en colaboración cos centros educativos do municipio.