Amicos e Fundación ONCE promoven novos cursos de formación prelaboral

BOIRO> Un deses cursos, o de camareira de piso, inclúe prácticas reais nun hotel da comarca. Hoxe coñecemos a experiencia de Macarena Fernández, unha dos sete usuarios de Amicos que están a participar nun curso de formación prelaboral, concretamente no denominado ‘Quero ser camareira de piso’. Ademais de formarse, o curso dalle a posibilidade de poder facer prácticas reais nun hotel, e quen sabe se nun futuro ter a posibilidade de poder atopar un traballo no sector. Pero este curso non é o único que está a desenvolver na actualidade a Asociación Amicos da man da Fundación ONCE. O outro está pensado especificamente para un dos colectivos máis vulnerables.  Chámase ‘Integrando a mozos con trastorno mental asociado á discapacidade intelectual’ e, dada as características e potencialidades dos seus seis alumnos, Amicos puxo un especial coidado en personalizalo. Representantes da Fundación ONCE, neste caso o presidente del Consello Territorial de ONCE en Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro, e a directora de FSC Inserta Emprego en Galicia, Menchu Iglesias, quixeron coñecer de primeira man o traballo que está a realizar a entidade, coa que colaboran dende a creación da Asociación en multitude de proxectos. Ademais de financiar os cursos, a Fundación ONCE contribuíu nos últimos meses a adquisición dun vehículo especialmente adaptado para o transporte de persoas con mobilidade reducida. Pero non é a única colaboración. Nestes últimos anos a Fundación financiou a reforma e a mellora das instalacións do centro de atención temperá, diversos cursos de formación como é o caso do de actividades auxiliares en viveiros e xardíns ou para a compra de equipamento para o centro rural de día.