SANTIAGO> Segunda xornada do xuízo polo asasinato de Diana Quer. Hoxe estaban chamadas a declarar nove testemuñas, que fiscalía e acusación empregaron para ofrecer unha imaxe do carácter de José Enrique Abuín. Primeiro falaron os seus familiares: tanto a exmuller como os excuñados recoñeceron que mentiron nun primeiro momento para darlle unha coartada a petición súa.
Unha a unha, as testemuñas desta mañá serviron a Fiscalía e acusación para trazar unha imaxe do carácter de José Enrique Abuín. Os primeiros en declarar foron os seus excuñados Elena e Adrián, que vivían con el cando cometeu o crime de Diana Quer. Recoñeceron que nun primeiro momento mentiron para darlle unha coartada.
Tamén a súa exmuller, Rosario, recoñeceu que mentiu cando dixo que estivera con el a noite do 22 de agosto de 2016. Mudou a súa versión cando a Garda Civil comezou a investigalos, a pesares de que el sempre lle negara a súa implicación na desaparición da moza madrileña.
A quenda das testemuñas dos familiares rematou coa declaración da irmá xemelga de Rosario. Quen fora cuñada do Chicle, denunciouno por agresión sexual cando ela tiña 17 anos. O procedemento arquivouse de xeito provisional, pero agora reabriuse.
Hoxe tamén estaba citada a irmá de José Enrique Abuín. María Jesús decidiu acollerse ao seu dereito a non declarar.