A Xunta critica o Plan de Desescalada por falta de concreción e discrecionalidade

GALICIA> A Xunta de Galicia non comparte o plan de desescalada presentado onte polo presidente Pedro Sánchez. Alberto Núñez Feijóo amosouse moi crítico coa proposta para saír do confinamento. Asegurou que ve algunhas luces e moitas sombras. Ademais, defende que se fixo de costas ás comunidades autónomas.

A Xunta de Galicia non avala o Plan de Desescalada presentado polo Goberno Central. Segundo Alberto Núñez Feijóo, ten algunhas luces e moitas sombras.

Para o presidente galego, as comunidades autónomas teñen un papel testemuñal. Por iso reclama que se aprobe na conferencia de presidentes tras escoitar a todas as autonomías. Núñez Feijóo avoga polo traballo conxunto.

No caso galego, o presidente asegura que a proposta non se adapta á realidade territorial. Por unha banda, considera que está pensado para as realidades urbanas e non rurais. Tampouco gusta que a unidade de referencia sexa a provincia en lugar da área sanitaria.

Aínda que o líder galego aplaudiu que a desescalada sexa gradual, con períodos de dúas semanas entre fases, e que se poida abrir o comercio con cita previa, asegura que a Xunta descoñece os criterios sanitarios que marcarán o cambio de etapa.

Núñez Feijóo reclama ao executivo que despexe as incógnitas que asegura abre o plan sobre a mobilidade da cidadanía e para o comercio, a actividade pesqueira, o rural, os hoteis ou a restauración.