POBRA> O Concello está á espera da decisión do comité clínico desta tarde para coñecer se o municipio entra ou non no nivel máximo de restricións. A incidencia acumulada dos últimos días, hoxe por riba de 355 por cen mil habitantes, podería ser determinante para a toma desta decisión.
Á espera da última decisión do comité clínico que deberá determinar o peche ou non do Concello polo incremento no número de contaxios, a última actualización do Sergas cifra en 33 o número de casos activos, dous máis ca onte, cunha incidencia acumulada de 355 por cen mil habitantes a catorce días.
Ante esta situación o Concello segue aumentando as restricións. Ás xa anunciadas estes días referidas ó peche das instalacións deportivas e parques infantís, así como tamén as dependencias das casas da Cultura e da Mocidade, a biblioteca municipal, a oficina de turismo, ou o museo Valle-Inclán, entre outros, ademais de potenciar o teletraballo do persoal municipal para evitar os contactos, hoxe dá un pasiño máis anunciando a suspensión do mercadiño no seu lugar habitual, manterase ó 100% o sector de alimentación ó longo da rúa Castelao,desprazando ós postos do téxtil para a praza Alcalde Segundo Durán cunha participación do 50%.
Segundo o alcalde non é algo definitivo. Segundo el trátase dunha alternativa ó peche total do mercadiño, polo que non admitirá ningunha medida de presión por parte dos vendedores ambulantes contrarios a este traslado.