MEIS> Nestes tempos tan complicados que atravesamos hai quen non cesa en iniciativas para animar aos demais. É o caso do Ultramarinos Montse de Meis que outro ano máis volve sorprender coa súa terrorífica decoración do samaín. Unhas bruxas facendo os seus meigallos ou unha árbore cuns adornos moi persoais son algunhas das sorpresas que nos depara este establecemento.
As lendas e as tradicións espertan na nosa comunidade coa chegada do samaín. Nesta época son habituais os disfraces e as cabazas, pero tamén estase volvendo unha tradición a decoración destas datas da Alimentación Autoservicio Montse de Meis. O establecemento sempre sorprende cunha decoración que ten tanto de terrorífica como de fascinante. O obxectivo da súa creadora non é outro que levantar o ánimo da xente.
Na decoración non faltan as arañas, os morcegos e os esqueletos, este ano facendo algo prohibido e que só eles poden, un botellón. A creatividade de Montse levouna a crear este ano unha reunión de meigas e unha árbore cun decorado moi persoal.
A situación impide á propietaria decorar o interior para evitar que se supere a limitación de ocupación. Para velar porque a norma se cumpra, aínda que espante aos nenos, ten unha garda especial.
Montse necesita unha semana de traballo para colocar toda a decoración do establecemento. Aínda que os detalles chaman aos clientes a mercar, a vendedora asegura que o fai principalmente por paixón.
As iniciativas de Montse non quedan só no establecemento, este ano debido á situación, organizou de forma online o seu concurso de cabazas. A creadora xa ten na cabeza máis ideas para o vindeiro samaín. Mentres, os que queiran gozar desta gran decoración poderán achegarse ao establecemento e compartir un momento de conxuro coas meigas, porque habelas, hainas.