Os Servizos Sociais da Pobra disporán dun novo local a partir de febreiro

A POBRA> Membros do equipo de goberno da Pobra na compaña dos traballadores de Servizos Sociais visitaron esta mañá o novo local do que disporá este departamento. As obras avanzan a bo ritmo polo que as novas dependencias poderían xa estar operativas en febreiro.

O incremento do número de usuarios e as novas medidas de prevención para cumprir cos protocolos anticovid impulsaron ó goberno da Pobra a habilitar un novo local para o departamento de Servizos Socias. Ata o momento, as oficinas situábanse no Centro de Atención á Discapacidade, o que supoñía unha limitación non só para o desenvolvemento da actividade diaria do departamento senón para que os usuarios do CAD dispuxeran de máis espazo para os talleres e accións formativas do centro ocupacional.

As novas dependencias, emprazadas nun local moi próximo ó concello, están a piques de concluír. A concelleira de Servizos Sociais estima que no mes de febreiro xa poidan estar operativas para efectuar o traslado.