A POBRA> A concellería de Promoción Económica presentou esta mañá na tenda ‘Mi barquito de papel’ unha nova edición da súa campaña comercial de Nadal ‘Volta o Nadal, Voltan as Caramiñas’.
A iniciativa botará a andar o vindeiro 1 de decembro prolongándose ata o día 31. Durante a campaña sortearanse diariamente 200 caramiñas, valoradas en 200 euros.
Aínda que a esencia do sorteo en Instagram se mantén, nesta ocasión as fotografías deberán facerse obrigatoriamente nos negocios adheridos á propia campaña.
Na campaña tomarán parte este ano uns 41 establecementos entre comercio polo miúdo, servizos e postos da Praza de Abastos. E a dinámica da campaña será do máis sinxela.
A través da campaña, o concello da Pobra busca encher as rúas de ambiente festivo e apoiar o consumo de proximidade durante o Nadal, unha das épocas do ano de máis compras.











