O concello de Ribeira reforza a seguridade na contorna do parque Pedra Pateira

RIBEIRA> O concello de Ribeira acometeu por fin os tan demandados cambios circulatorios demandados polos veciños de Bandourrío. A travesía Manzanares pasa a ser de sentido único co fin de incrementar a seguridade na contorna do parque Pedra Pateira.

Os operarios da brigada municipal de obras xa procederon a modificar a sinalización para que a travesía Manzanares pase a ser de sentido único. O concello de Ribeira atende así a unha vella reivindicación dos veciños do barrio de Bandourrío que levaban anos demandando cambios circulatorios para reforzar a seguridade na zona, con gran número de vivendas e un parque infantil.

A partir de agora, os condutores poderán acceder a esta vía dende a estrada principal e saír pola praza de Pontevedra. O proxecto inclúe ademais a instalación de papeleiras e dotación de mobiliario urbano na rúa Manzanares.

Este é só un primeiro paso posto que está prevista unha segunda fase para acometer a renovación do pavimento, substituíndo as lousas de granito por unha capa de formigón máis resistente na zona de rodaxe.  Actuarase nun treito de aproximadamente 80 metros liñais entre a praza de Compostela e a Praza de Pontevedra así como unha superficie de 400 metros cadrados neste último espazo.

Por último, acometerase a ampliación e renovación do parque infantil, cun orzamento de máis de 170 mil euros, financiado con cargo ó Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña. Ademais da dotación de novos xogos, instalarase chan de caucho continuo e un novo valado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí