RIANXO> O auditorio de Rianxo acolleu o pleno da mancomunidade Barbanza Arousa no que se fixo efectivo o traspaso de poderes. O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, asume a presidencia ó longo de 2021, un ano difícil para o turismo pero no que agarda acabar de consolidar o camiño xacobeo do Barbanza ‘A orixe’.
Ó alcalde de Rianxo tócalle estar á fronte da Mancomunidade do Barbanza nun ano moi complicado, especialmente no que atinxe ó turismo. Aínda así, Adolfo Muíños asume o cargo con ganas de impulsar grandes proxecto para o sector na comarca. O principal: a consolidación do camiño xacobeo ‘A Orixe’ aproveitando o tirón do Ano Santo.
En paralelo a este ambicioso proxecto, a mancomunidade seguirá a traballar para darlle o pulo definitivo á Idade do Ferro, unha iniciativa apoiada pola Deputación, para a recuperación de varios castros que conformarán un itinerario comarcal.
Dende a marxe norte da ría, traballarán tamén por ofertar paquetes conxuntos que engloben diferentes recursos turísticos de toda a comarca.