Alfonso Gallego dimite como líder do PP vilagarcián por razóns ‘persoais e profesionais’

VILAGARCÍA> Alfonso Gallego deixa a política. O líder do PP en Vilagarcía abandona a formación e renuncia á súa acta como concelleiro en Ravella. Di que marcha por motivos persoais e profesionais. A partir de agora, Elena Suárez, Ana Granja e Marta Rodríguez Arias serán as encargadas de liderar unha transición que culminará co nomeamento dunha xestora.

Alfonso Gallego abandona a presidencia do PP de Vilagarcía e renuncia á súa acta como concelleiro en Ravella. Di que marcha por razóns persoais e profesionais. Indica que a súa familia e as súas fillas ocupan un lugar preferencial na súa vida e que as súas obrigas laborais non poden verse resentidas pola súa vertente política.

Alfonso Gallego estaba á fronte do PP vilagarcián dende maio de 2017, confirmándose como candidato á alcaldía un ano despois.

Así falaba nun mitín a escasos meses das eleccións municipais de maio de 2019. Con Alfonso Gallego á fronte, o PP acadou un dos seus peores resultados en Vilagarcía. Os populares retrocederon dos 7 ós 5 concelleiros, manténdose como segunda forza, pero moi lonxe dos 12 edís do PSdeG.

Gallego di marchar deixando un equipo renovado, con novas caras no comité executivo. Dende agora, o PP vilagarcián queda en mans de Elena Suárez, Ana Granja e Marta Rodríguez Arias. Elas serán as que lideren o que denominan unha “transición tranquila e ordenada” que culminará co nomeamento dunha xestora. Este órgano dirixirá o partido durante os vindeiros meses.

A través dun comunicado, Alfonso Gallego despídese dándolle as grazas a todos os que o apoiaron na súa etapa política, que cualifica de “moi intensa” e na que segundo indica, tivo a oportunidade de ofrecerlle a Vilagarcía a súa visión dun proxecto de futuro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí