Boiro contará cun goberno tripartito para o que resta de mandato

BOIRO> José Ramón Romero incorpora ó seu executivo a Dores Torrado e Carlos Muñíz.

Este é o momento no que PSOE, Ciudadanos e Boiro Novo selaban simbólicamente, cunha aperta de mans, o pacto que permitirá a constitución dun novo goberno tripartito en Boiro. O acordo foi posible despois de días de negociacións, poñendo por riba de todo o futuro de Boiro.

Marcáronse ademais coma obxectivos unha serie de proxectos para o que resta do presente mandato, entre os que se atopan a aprobación do orzamento municipal, a dotación dunha residencia ou a reapertura de Radio Boiro e da piscina municipal, entre outros.

Os socialistas, con este acordo, apartan a sombra dunha posible moción de censura, que dende hai algún tempo circulaba con Boiro. Aínda así o novo goberno seguirá en minoría, con tan só sete edis, dos dezasete dos que consta a corporación municipal boirense.

A pesar do ofrecemento, nin BNG nin Iniciativa Cidadá de Boiro, os dous grupos que propiciaron tamén a chegada de Martiño á alcaldía, quixeron entrar, polo de agora, neste novo goberno.

Tanto Dores Torrado coma Carlos Muñiz entrarán a formar parte do executivo. Asumirán as áreas de Deportes, Mocidade, Feminismo e Igualdade e Memoria Histórica e Desenvolvemento e Promoción Económica e Turismo, respectivamente, unha vez realizada unha reestruturación do goberno.

Os novos cargos no Concello non levarán aparellada dedicación exclusiva ou parcial.

Para selar o acordo foi necesario tamén salvar un novo cordón sanitario. Neste caso o imposto por Boiro Novo a Ciudadanos, polo que Carlos Rodríguez, viuse na obriga de renunciar ás siglas da formación laranxa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí