Vilagarcía presenta uns orzamentos ‘expansivos’ de 31 millóns de euros e marcados pola realidade covid

VILAGARCÍA> Vilagarcía xa ten listo o orzamento para este 2021. As contas do goberno de Alberto Varela ascenden ata os 31 millóns de euros. A primeira vez na última década que se superan os 30 millóns. Deles, algo máis de 3 destinaranse a investimentos. Segundo o alcalde, son unas contas expansivas e profundamente marcadas pola crise da Covid 19, por iso os impostos municipais manteranse conxelados e seguirase destinando cartos a apoiar ao comercio e á hostalería da vila.

Vilagarcía deseña as súas contas para afrontar un 2021 marcado pola crise da COVID19. O orzamento para este ano ascende aos 31,3 millóns de euros, un 5% máis que o do ano pasado e, segundo o goberno de Alberto Varela, o máis ambicioso da última década.

O executivo socialista mantén a conxelación dos impostos municipais, agás o IBI. Tamén aposta polos investimentos para dinamizar a economía local, con axudas directas ao comercio, á hostalería e ás empresas máis golpeadas pola crise da covid, e mantendo iniciativas de fomento do consumo como a campaña de bonos Son da Casa.

O capítulo de investimentos está dotado de 3,8 millóns de euros. Con esta partida afondarase no modelo de cidade do executivo socialista. Os proxectos máis ambiciosos son a reforma do edificio do Liceo Casino para acoller a biblioteca municipal, con 1,5 millóns de euros, e a reforma integral do pavillón número 1 de Fontecarmoa, con 800.000. Para abordar estes e outros investimentos, o concello solicitará un crédito de 3 millóns de euros.

Os orzamentos recollen, entre outras partidas, 300.000 euros para o proxecto de camiños escolares seguros, 200 mil para a compra dun baixo para o departamento de Servizos Sociais ou 150.000 para avanzar na reforma do parque do Cavadelo. Ademais, dos 31 millóns de euros, un 37% destínase ao gasto de persoal, e outro tanto aos gastos correntes.

O goberno levará as contas a pleno o xoves da vindeira semana, respaldadas pola maioría absoluta dos socialistas na corporación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí