VILAGARCÍA> Ás portas da Semana Santa, o alcalde da Vilagarcía fai un chamamento a non baixa-la garda para impedir un repunte dos casos. Alberto Varela advirte de que hoxe os casos volven subir na cidade, logo de días baixando, o que debe interpretarse como un toque de atención. Di que na Semana Santa, ao igual que na ponte de San Xosé, os corpos de seguridade traballarán a reo para que ninguén salte as restricións.
Logo de case 15 días en retroceso, o número de casos activos en Vilagarcía volveu subir hoxe, situándose en 10. Os datos non son preocupantes, pero demostran un cambio de tendencia que chega ás portas da Semana Santa. O alcalde confía en non dar pasos cara a atrás. Alberto Varela apela á responsabilidade individual pensando no ben común.
A Policía Local, xunto co resto de corpos, velarán durante a Semana Santa polo estrito cumprimento das medidas anticovid. Máis aínda logo dunha axitada ponte de San Xosé en Vilagarcía, que rematou con máis dunha trintena de denuncias por non respecta-las restricións sanitarias. Aproveita para pedir responsabilidade a tódolos veciños, cun especial esforzo na Semana Santa para evitar que se acabe convertendo no comezo dunha cuarta vaga.