PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra avanza no proxecto para instalar o novo colector de pluviais da rúa José Malvar. O goberno local ultima os trámites desta intervención que, aseguran, contribuirá a paliar as inundacións en Fernando Olmedo e na súa contorna. Supón un investimento aproximado de 2 millóns de euros.
As obras de construción do novo colector de José Malvar poderían estar adxudicadas no primeiro trimestre de 2027. É a previsión coa que traballa o concello de Pontevedra. Segundo o alcalde, o proxecto está moi avanzado.
A intervención está orzamentada en 2 millóns de euros. O colector recollerá as augas pluviais que proceden da zona leste da cidade. E dende José Malvar irán directamente á ría, sen pasar por Fernando Olmedo e Casimiro Gómez. Unha medida para paliar os asolagamentos nesta zona.
O colector terá uns 500 metros de lonxitude. Partirá da ponte que vai dende José Malvar ao polígono residencial de Valdecorvos. Terá uns 1.200 milímetros de ancho, e contará con 24 pozos de rexistro e tres grandes arquetas.
Fernández Lores dirixiuse tamén aos veciños que padecen os asolagamentos nesta zona. Asegurou que o colector minimizará estes episodios, aínda que non os eliminará por completo.
Para poder construír o colector, o concello precisa dos informes de Augas de Galicia, do servizo de xestión do litoral da Xunta e de ADIF.











