Sanidade aínda non dá por controlado o rebrote de Covid-19 en Barbanza

BARBANZA> O número de positivos a día de hoxe segue a ser de nove, aínda que o número de persoas analizadas supera xa o centenar.

A consellería de Sanidade cifra en 94 o número de persoas ás que xa lle realizaron as probas PCR para determinar se estaban ou non contaxiadas e que deron resultado negativo. Aínda así, e por precaución, continúan  en cuarentena. De tódalas persoas que foron analizadas por este rebrote tan só resta por coñecer o resultado dun test. O número de positivos mantense en nove: seis en Ribeira, dúas en Porto do Son e unha na Pobra. Os mesmos que na fin de semana. Todos continúan illados nos seus domicilios para evitar novos contaxios. Aínda así Sanidade aínda non dá por controlado este rebrote e continúa coa busca de novas persoas que puideran ter algún tipo de contacto cos infectados.

Esta mañá o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, presentaban tamén a actualización do Plan de Detección, Control e Vixilancia ante posibles brotes do coronavirus, logo da reunión celebrada no día de onte pola Comisión de xestión da crise sanitaria. O plan ten como obxectivos definir o marco de actuación para a toma de decisións, así como establecer as medidas en materia de vixilancia, prevención e control dos casos que vaian xurdindo.