NOIA> Noia acollerá este vindeiro sábado 24 de abril o Campionato Galego de Dez Mil Metros en categoría absoluta. A proba, presentada esta mañá, servirá tamén de homenaxe póstuma ó atleta Alejandro Gómez, recentemente falecido. Un dos deportistas galegos máis laureados no mundo do atletismo.
Aínda que a situación covid impedirá a presenza de público nas gradas do estadio de San Lázaro, a vila noiesa concentrará, coa proba deste vindeiro sábado, a atención do atletismo galego coa disputa do Campionato Galego de Dez Mil Metros en categoría absoluta. A proba arrancará as dez da mañá con tres series en categoría masculina e unha feminina.
Noia acollerá tamén ese día as finais dos campionatos galegos de cinco mil metros en categorías sub-18 e sub-20. Pero a cita en si estará ademais cargada de simbolismo, xa que este Campionato pasará a partir de agora a denominarse co nome dun mito galego do atletismo, como foi Alejandro Gómez, falecido a principios de ano despois de meses de loita contra un tumor cerebral. Para homenaxear a figura do atleta vigués a Federación deseñou tamén un cartel especial para a proba, elaborado por Pedro Calvo.
Tanto o Concello, coma o Club Atletismo Noia, que colabora na organización do Campionato, agradeceron tamén o feito de poder acoller esta proba, unha das máis importantes das que se celebran a nivel autonómico.