O Torneo Internacional Congalsa logra recadar máis de 7 mil euros para a Fundación Aladina

POBRA> Un ano máis o Torneo Internacional Congalsa de fútbol base volveu a superar as expectativas previstas.

A organización do Torneo valorou de xeito moi positivo este Torneo, tanto a nivel deportivo coma organizativo, no que se deron cita un total de 37 equipos de categoría alevín, entre os que se atopaban o Real Madrid, o Fursan Hispania de Dubai, o Real Olé de Nova Iorke ou o Villarreal, club este último que ó final se fixo co Campionato.

Pero á parte da vertente deportiva, o Torneo destaca pola súa parte solidaria, logrando recadar este ano máis de 7 mil euros para a Fundación Aladina.

A cita é realidade tamén grazas as colaboracións e patrocinios de moitas empresas, a máis importante Congalsa, que lle dá nome ó Torneo, firma que volveu a refrendar o seu compromiso coa iniciativa, ó reflectir plenamente os valores corporativos da compañía.

Dende o Concello, que colabora coa Torneo, destacouse tamén a importancia desta cita, xa un referente no calendario deportivo da zona, que xera ademais un importante impacto na actividade económica non só na localidade senón tamén en toda a comarca.

Aproveitouse o acto para desvelar ademais a data da próxima edición, que repetirá na Pobra, do 14 ó 16 de maio, para o que xa hai clubs confirmados como é o caso do Real Madrid.