Monte Porreiro sae mañá á rúa para protesta contra a peonalización da rúa Alemaña

PONTEVEDRA> Os veciños de Monte Porreiro, en Pontevedra, sairán mañá á rúa para rexeitar a peonalización dun treito da rúa Alemaña. Será ás 8 da tarde na rotonda da ponte das Palabras. A convocatoria encabézaa a asocación de veciños O Mirador, que reclama unha reunión co concelleiro de obras, Demetrio Gómez, para coñecer e consensuar o proxecto.

A proposta de peonalización dun treito da rúa Alemaña non gusta aos veciños de Monte Porreiro.

A medida é un dos eixos centrais do proxecto, aínda sen rematar, que manexa o concello de Pontevedra. Pero os veciños advirten dos problemas de tráfico e seguridade que se poderían xerar na rúa Cambria, que nun principio canalizaría o paso destes vehículos.

A intención do goberno local é crear unha gran praza do tamaño da Ferrería na intersección entre as rúas Grecia e Alemaña. Dende a asociación veciñal O Mirador aseguran que hai necesidades máis urxentes, como o mantemento de beirarrúas e a limpeza do barrio.

Gran parte do enfado do colectivo vén da falta de diálogo que, aseguran, atoparon no concelleiro de Obras. Denuncian que, a pesares de que Demetrio Gómez se comprometera a convocar á veciñanza para informala do proxecto, aínda non recibiron comunicación.

Por iso mañá convocaron a primeira das mobilizacións que manterán ata coñecer o proxecto para o barrio. Será ás 8 da tarde na rotonda da Ponte das Palabras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí