A Plataforma pola Defensa do Monte demanda compensacións ás empresas Fenosa-Naturgy e Elecnor

RIANXO> A Plataforma pola Defensa do Monte de Rianxo demanda unha compensación ás empresas Fenosa-Naturgy e Elecnor pola súa responsabilidade civil na orixe do lume que asolou á localidade o pasado mes de marzo. Dende a entidade fan un chamamento ós posibles particulares afectados a que se sumen tamén á súa demanda.

A Plataforma pola Defensa do Monte de Rianxo, na que se integran un total de sete comunidades de montes: Araño, Burés, Asados, Leiro, Ourille, Fieitoso e Paradela,  así como o colectivo Fousas ao Monte, considera máis que probado que a causa do lume veu orixinada por unha anomalía nunha torreta, atendendo ós diversos informes policiais presentados ó proceso xudicial na súa fase penal, que vén de ser arquivado, ó entender que non existe unha intencionalidade penal dos feitos. Por esta razón, e atendendo a que si hai unha clara responsabilidade civil, teñan intención de presentar unha demanda contra as empresas Fenosa-Naturgy e Elecnor.

Dende a entidade, que xa iniciou unha peritaxe para avaliar os danos causados polo incendio, fan un chamamento tamén ós posibles particulares afectados a que se sumen á súa demanda.

Para a Plataforma o lume causou graves prexuízos para o monte, e por ende para as comunidades, que dende hai anos viñan desenvolvendo un enorme traballo con grandes investimentos na súa reordenación e limpeza.