Os ‘farsantes’ de Carril dedícanlle a ‘Danza das Espadas’ ó Apóstolo

danzaespadascarril100_260707.jpgVILAGARCÍA > A parroquia vilagarciá de Carril está esta semana en festas. Onte pechou as do Apóstolo pero mañá xa arrancan …

… as de San Fidel, que durarán ata o domingo.

Centos de veciños e visitantes achegáronse onte, Día de Galicia, ata Carril. Nesta parroquia de Vilagarcía veneraban ó seu patrón, o Apóstolo Santiago con diversos actos relixiosos e musicais. Ademais de misas desde a mañá houbo actuacións da banda de música de Bueu e do grupo de gaitas Gato Negro. Ambas agrupacións participaron logo na procesión solemne, sobre as sete e media da tarde.

Os ‘farsantes’ marcharon diante do santo e preparáronse para bailar a ‘Danza das Espadas’, a manifestación folclórica máis antiga de Galicia. Ata Carril chegou da man dos mariñeiros, que botaban amarras cada 25 de xullo no porto despois de estar todo o ano embarcados. Trala danza retomouse a procesión, na que tamén participaron os representantes da Confraría de Pescadores, co patrón maior Fernando Franco, e os concelleiros do Partido Popular.

Redacción Salnés