MUXÍA> A Confraría Europea da Vela e o Capítulo Serenísimo do Viño Albariño Rías Baixas unen forzas para divulgar e fomentar o vencello entre a náutica e o albariño. Ambas entidades selaron o seu irmandamento esta semana, que moi pronto dará os primeiros froitos: a organización dun simposio internacional en Cambados sobre a Promoción do Viño e a da súa cultura no mundo náutico.
Reivindicar e potenciar a unión entre a náutica e o viño albariño. Con este obxectivo común enlazaron os seus camiños a Confraría Europea da Vela e o Capítulo Serenísimo do Viño Albariño- Rías Baixas.
O escenario deste irmandamento foi o Parador da Costa da Morte, en Muxía. Alí, representantes das dúas confrarías brindaron para selar este compromiso común.
A unión entre a Confraría Europea da Vela e o Capítulo Serenísimo do Viño Albariño Rías Baixas non é algo novo. De feito, as dúas entidades están intimamente relacionadas dende a orixe da primeira, que tomou ao Capítulo como referencia para a súa fundación.
Este bo entendemento dará pronto os seus froitos nun acto de carácter internacional. O vindeiro 4 de novembro Cambados acollerá un simposio do Albariño, que levará por título ‘Promoción do viño e da súa cultura no mundo náutico’ e que contará con influencers e prescriptores de todo o mundo.
O irmandamento entre as dúas entidades e a presentación do simposio enmarcouse nun programa de varios actos da Confraría Europea de Vela de nomeamento de novos confrares portugueses e mexicanos.
Para máis información sobre o simposio e para inscribirse, os interesados poden facelo na páxina web da Confraría Europea de Vela, eurocofradevela.com.