A área de Pontevedra e O Salnés baixará o luns ao nivel medio de restricións, excepto Cambados e Vilanova

GALICIA> O subcomité clínico decidiu na reunión deste venres eliminar as limitacións xeralizadas en toda a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Suprímese o peche perimetral, o que supón que os habitantes de practicamente todos os concellos da área poderán moverse a outros puntos de Galicia que estean no seu mesmo nivel de restricións en función da incidencia da pandemia. O cambio afecta tamén á hostalería: os locais poderán reabrir os seus interiores ao 30% de ocupación. As terrazas terán que manterse ao 50%, e tampouco varía o horario de peche, que continúa marcado ás 18.00 horas. O límite nas reunións segue a ser de catro persoas non conviventes.

A excepción son os concellos de Cambados e Vilanova, con 36 e 37 casos activos respectivamente. Sanidade decidiu manter estes dous municipios no nivel alto de restricións, o que supón importantes limitacións na mobilidade. Ao compartir incidencia, cambadeses e vilanoveses poderán moverse entre os dous municipios, pero non desprazarse a outros concellos da súa contorna. Non varían as normas en hostalería (50% nas terrazas) nin as reunións entre non conviventes, cun máximo de catro persoas.

Tamén hai cambios na área sanitaria de Santiago de Compostela. Porto do Son, o único que permanecía no nivel alto de restricións, baixa agora ao nivel medio. Isto supón recuperar a mobilidade aos concellos veciños que teñan a mesma incidencia e reabrir o interior dos locais de hostalería ao 30%.

Todas estas medidas entrarán en vigor o luns. Na fin de semana manteranse as restricións anunciadas o pasado mércores e que comezaron a aplicarse hoxe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí