SANXENXO> A Xunta vai instalar 21 novas básculas nos caixeiros TICPESC nos portos galegos. Un deles é o de Portonovo, onde hai xa 8 anos entrou en funcionamento unha experiencia piloto deste servizo. A través del e mediante unha tarxeta, os mariñeiros poden pesa-las súas capturas no momento no que se realiza o seu desembarque.
O porto de Portonovo foi pioneiro en contar cun caixeiro TICPESC nas súas instalacións. Esta ferramenta aporta funcionalidade e axilidade ó sector do mar, permitindo ós mariñeiros pesa-los seus produtos no momento xusto no que se realiza o desembarque das capturas. Tamén permite emitir documentos relacionados coa súa actividade e mesmo consultar información de servizo, como o tempo ou as mareas.
En Portonovo este sistema leva instalado 8 anos. Dende aquela fóronse espallando por todo o territorio galego ata sumar, de momento, 58. A intención da Xunta é instalar nove caixeiros novos, 21 básculas máis e, de paso, actualiza-lo software de 30 dos caixeiros xa en marcha. Segundo a Conselleira, a súa utilidade demóstrase polo volume de traballadores que xa o están a empregar. En Portonovo, por exemplo, o seu uso cotiá está xa máis que normalizado. Segundo apunta o patrón maior, son varios os casos frecuentes que se rexistran neste caixeiro TICPESC.
Ademais dos barcos que operan en Portonovo, o caixeiro TICPESC permite a outros da zona expedi-la documentación neste punto, independentemente do seu porto de orixe.