Poio enche a primavera de ‘Verbas en flor’ con actividades centradas na cultura galega

POIO> A primavera en Poio terá á historia, á cultura e á lingua galegas como protagonistas. O concello pon en marcha a segunda edición de Verbas en Flor, un programa con actividades para todas as idades que marcará a axenda cultural na vida.

A axenda cultural de Poio estará marcada esta primavera pola cultura galega. O concello pon en marcha a segunda edición do programa ‘Verbas en Flor’.

Impulsada pola concellería de Cultura e en colaboración dos departamentos de Memoria Histórica e Normalización Lingüística, a proposta deseña unha axenda cun gran número de actividades e obradoiros, pensados para todas as idades.

A primeira cita será entre o luns e o mércores da semana que vén, con actividades para conmemorar o Día da Árbore nos centros educativos. Tamén terá especial peso en colexios e institutos a campaña ‘O que se dá non se quita’, para revindicar o uso da lingua.

Entre o 4 e o 18 de abril abrirase a exposición “Acorda: cartografía visual da memoria de Pontevedra’ e a proxección do documental Acorda. Ademais, ‘Verbas en Flor’ engloba dúas citas clásicas da primavera en Poio: a Festa dos Maios e o Día das Letras Galegas.

Proxeccións do Ciclo Mestre Mateo, sesión de contacontos ou actividades literarias para nenos e rapazada, son outras das actividades que propón o concello de Poio para esta primavera.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí