Os primeiros peregrinos percorren o Camiño de Santiago a Corrubedo-A Orixe

BARBANZA>Un grupo de peregrinos percorren estes días a comarca da man da Asociación Amigos do Camiño do Barbanza e Sar-A Orixe e a mancomunidade Barbanza Arousa. Trátase dun grupo formado por unhas dez persoas do colectivo ‘A Luz del Camiño’ que saíron dende Roncesvalles o pasado 19 de xuño para facer unha homenaxe ás vítimas da covid.

Un grupo de peregrinos integrantes do colectivo ‘A Luz do Camiño’ percorren estes días a comarca do Barbanza realizando, en cinco etapas, os tramos dos que consta o Camiño a Orixe, que recrea, á inversa, a entrada dos restos do Apóstolo pola ría de Arousa, dende Santiago a Corrubedo. A iniciativa partiu o pasado 19 de xuño dende Roncesvalles coa finalidade de render unha homenaxe a tódalas vítimas da pandemia.

Dende a Asociación Amigos do Camiño do Barbanza e Sar A Orixe destacaron a importancia desta iniciativa coa que pretenden poñer en valor este camiño de peregrinación, o único que volve sobre os pasos que realizou o sepulcro co corpo do Apóstolo dende Palestina, e que dá orixe a tódolos camiños e peregrinacións posteriores.

Despois dunha primeira etapa por Rianxo, hoxe os viaxeiros partiron dende Cespón, en Boiro, ata o Xobre, na Pobra do Caramiñal. Mañá está previsto que realicen o último dos tramos entre Pobra e Corrubedo. Alí, unha vez concluída a etapa, realizarase un acto conmemorativo que recolla esta primeira viaxe, que servirá tamén para homenaxear ás vítimas da pandemia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí