O BNG de Boiro critica a decisión do goberno de volver levar a pleno puntos xa rexeitados

BOIRO> O BNG de Boiro amosouse moi crítico coa convocatoria do pleno extraordinario celebrado esta mesma tarde para volver a debater dous puntos que xa foran rexeitados na última sesión. Acusan ó goberno de falla de respecto á vontade democrática.

A convocatoria do pleno extraordinario causou gran estupor no seo do BNG que non entende o obxectivo de volver a levar a pleno dous puntos que foron rexeitados na sesión ordinaria celebrada o pasado día 22.

No caso da ampliación da sala de fitness da Cachada, o BNG non se opón ó proxecto pero consideran que non debe financiarse con cargo ó POS da Deputación que ten como fin a mellora de servizos en tódolos núcleos do municipio. Con respecto á solicitude de crédito para actividades culturais e educativas, os nacionalistas entenden que son proxectos distintos que deberían votarse por separado. De ser así, si apoiarían as necesidades educativas propostas polo Consello Escolar Municipal pero non o crédito de medio millón de euros para sufragar actividades lúdicas que xa foron desenvolvidas durante o verán.