PONTEVEDRA> Pontevedra xa ten definidas as liñas estratéxicas do 2023 para a marca Pontevedra Capital Gastro. A gastronomía socialmente responsable, a sostibilidade, a dieta atlántica e a innovación son os eixos vertebradores do plan de traballo, que busca converter a cidade nun referente do turismo gastronómico. Unha das novidades será a creación do evento M2, Música e Marisco, que se celebrará no Gastroespazo do Mercado.
Pontevedra non será a Capital Española da Gastronomía no ano 2023 pero a cidade non renuncia á marca que creou para refrendar a súa candidatura. Pontevedra Capital Gastro seguirá moi viva o vindeiro ano.
Baixo o seu paraugas volverán eventos como a Festa das Cunchas, o Avoa Fest ou Mestizaxes. Pero a idea é ir máis alá, para converter a Pontevedra nun referente do turismo gastronómico.
Con este obxectivo, xa están definidos os eixos do plan de trabalo para o vindeiro ano. A gastronomía responsable, a sostibilidade, a dieta atántica e a innovación marcarán as diferentes actividades que se desenvolvan. Unha das novidades será o evento ‘M2, Música e Marisco’.
Tamén está previsto xerar experiencias con produtos con selo de calidade, presentar unha guía de produtos de tempada e asistir a feiras gastronómicas e turísticas.
O que aínda non está claro é se Pontevedra volverá competir por ser a Capital Española da Gastronomía no 2024. Segundo Blanco, é algo que aínda están a analizar.
Entre os obxectivos de Pontevedra Capital Gastro está tamén a dinamización do Gastroespazo do mercado de abastos da cidade. De feito, crearase un punto de información permanente sobre a marca. Ademais, a concelleira adiantou que pronto sairán a licitación os postos da primeira planta.