A reforma da praza de Barcelos comezará o 16 de xaneiro e prolongarase un ano

PONTEVEDRA> Xa hai data para o inicio da reforma do vial perimetral da praza de Barcelos, en Pontevedra. Será o vindeiro 16 de xaneiro, despois das datas do Nadal e da primeira semana de rebaixas. Teñen un prazo de execución dun ano e realizaranse en dez fases, comezando xunto ao colexio. A intención do concello é evitar ao máximo as molestias á veciñanza.

Pontevedra comezará o 2023 co inicio dunha das grandes obras comprometidas na cidade. O 16 de xaneiro arrancará a reforma do vial perimetral da praza de Barcelos.

A obra ten un prazo de execución dun ano. Dividirase en dez fases, deseñadas conxuntamente entre a empresa adxudicataria, a Policía Local e os servizos técnicos municipais.

Os traballos comezarán pola zona máis próxima ao colexio. Esta será a única fase que non afectará ao tráfico. As etapas sucesivas, ata chegar á entrada dende a rúa Perfecto Feijóo, obrigarán á reordenación da circulación.

En canto ao traslado do transformador eléctrico fóra das instalacións do colexio de Barcelos, realizarase durante o verán, para non afectar á actividade do centro.

A reforma dos viais perimetrais de Barcelos foi licitada por 1 millón 941 mil euros. A esta contía hai que sumar os 176.000 que custará o traslado do transformador, que asumirá a empresa como mellora do contrato.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí