POIO> O Día de Colón regresou con forza ao calendario festeiro do concello de Poio. Milleiros de persoas participaron da cita, que encheu de actividade as rúas de Combarro, trasladándoas ao seu pasado medieval.
Así comezaba de xeito oficial a décima edición do Día de Colón. Co pregón a cargo de José Ramón Pedras, máis coñecido como Petete, Combarro botaba a mirada ao pasado.
Os organizadores non escatimaron en detalles. Co epicentro na Praza da Chousa, as rúas da vila mariñeira enchéronse de actividades e ambientación: mercado medieval, comidas, animación e mesmo a chegada dunha recreación da Nao Santa María capitaneada, como non podía ser doutro xeito, por Cristóbal Colón.
A festa desenvolveuse durante as xornadas do venres e o sábado e houbo tempo para todo. Houbo bailes, teatro, actuacións musicais, xustas do medievo e obradoiros. Tamén a conferencia ‘A Clave e a pegada de Colón’, a cargo de Carlos de Vilanova e Ángel Carracelas. Unha programación ampla que atraeu a milleiros de persoas a Combarro.
Todo un pobo entregado a esta festa e disposto a reivindicar a figura dun dos seus veciños máis ilustres.