PONTEVEDRA> O Partido Popular de Pontevedra volve reclamar a gratuidade do treito da AP9 que une o municipio pontevedrés con Curro, no concello de Barro. A formación recolle esta proposta nunha moción que levará ao pleno do vindeiro luns. Segundo Rafa Domínguez, a eliminación das peaxes neste punto melloraría a competitividade do polígono de Barro, facilitaría a conectividade entre Pontevedra e O Salnés e faría menos necesaria a Variante de Alba.
O Partido Popular de Pontevedra buscará unha fronte común no vindeiro pleno da corporación para insistir nunha vella demanda: a gratuidade do treito da AP-9 entre a cidade pontevedresa e Curro, no concello de Barro.
Segundo Domínguez, o polígono de Barro sería un dos grandes beneficiados, incrementando a súa competitividade. A medida contribuiría tamén a reducir o tráfico pesado da PO531, a estrada de Vilagarcía, facendo menos necesaria, dixo, a variante de Alba.
Domínguez buscará tamén o apoio das asociacións empresariais. A súa intención é manter reunións con elas nos vindeiros días.