POIO> Hoxe en Poio foi xornada de balance. O alcalde Ángel Moldes repasou a súa xestión á fronte do concello nos últimos tres anos. Un tempo no que, segundo o rexedor, levou adiante máis do 90% do seu programa electoral. En canto aos investimentos, Moldes asegurou que o municipio ten executadas ou en marcha actuacións cun valor próximo aos 70 millóns de euros en actuacións como a transformación da PO-308 ou os investimentos asociados ao novo contrato da auga.
Cando se cumpren tres anos dende a súa chegada á alcaldía, Ángel Moldes fai balance da xestión do seu goberno no concello de Poio. Segundo o rexedor, actualmente xa executaron máis do 90% do seu programa electoral.
No epígrafe dos investimentos, Moldes asegurou que o concello ten executadas ou en marcha actuacións cun valor próximo aos 70 millóns de euros, grazas ás achegas doutras administracións. Destacou proxectos como a transformación da PO-308 entre A Barca e O Casal de Ferreirós, os investimentos asociados ao novo contrato da auga, os tanques de tormentas da Seca e Saíñas ou o futuro polígono industrial de Fragamoreira.
Un movemento que, segundo o alcalde, repercute tamén á hora de facer de Poio un lugar máis atractivo para vivir, traballar, emprender e investir. Ademais, Moldes comprometeuse a manter a mesma folla de ruta de cara ao final de mandato.
O incremento dos recursos destinados aos servizos sociais, a posta en marcha da Unidade de Atención Temperá, o aumento das axudas á conciliación familiar, os programas de formación para persoas desempregadas e as medidas de apoio aos sectores produtivos do municipio, son outras das intervencións que salientou o alcalde de Poio.











